Logo de dez anos dende o lanzamento do seu derradeiro disco, o grupo de música tradicional galega Noitarega volve á actualidade coa edición de "XXI", o seu novo e agardado traballo discográfico, un disco conmemorativo dos seus 21 anos de existencia.
Gravado nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijóo e do propio grupo, "XXI" é un disco que nos amosa a clara evolución da banda ao longo destes anos e que conta cunhas colaboracións musicais de luxo: Anxo Pintos (Berrogüetto), Luís "O Caruncho" e Berto Costas (Os Carunchos), Xaime Estévez (Os Terribles de Donas), Coral Lago (Gaideón), Pandeireteiras Grialia e Silvia Costas. "XXI" estará dispoñible a finais deste mes de Xuño.
Como adianto á saída deste traballo, no myspace de Noitarega (www.myspace.com/noitarega) podedes ver o tráiler promocional de "XXI" (http://www.youtube.com/watch?v=qT9etkyTw7Y&feature=recentlik) e escoitar seis das pezas que compoñen o traballo, ademais dos concertos e de todas as novas do grupo, como a Presentación Oficial que fará no Fórum Metropolitano de A Coruña o vindeiro 25 de Xuño ou a entrevista deste sábado día 12 no programa Lume na Palleira de Radio Galega Música, onde se sortearán entre os oíntes varios exemplares do disco.
Dous anos despois de presentar o seu primeiro traballo, Pradairo volta cunha nova proposta chea de tradición e innovación, sentimento e creatividade na que se mesturan sen complexos o mellor da música de raíz e do folk actual. Pateado é a reafirmación das nosas músicas como punto de partida irrenunciable para chegar a unha proposta musical diferente coa que nos poidamos sentir identificados.
Dez músicos, dez temas, dez realidades sonoras que flúen sen esforzo por todas as tímbricas dos nosos instrumentos coloreados con tinguiduras doutras terras. Ritmo e creatividade cos pés na terra. Pateado.
A presentación terá lugar ás 21h o xoves 3 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Dous anos despois de presentar o seu primeiro traballo, Pradairo volta cunha nova proposta chea de tradición e innovación, sentimento e creatividade na que se mesturan sen complexos o mellor da música de raíz e do folk actual. Pateado é a reafirmación das nosas músicas como punto de partida irrenunciable para chegar a unha proposta musical diferente coa que nos poidamos sentir identificados.
Dez músicos, dez temas, dez realidades sonoras que flúen sen esforzo por todas as tímbricas dos nosos instrumentos coloreados con tinguiduras doutras terras. Ritmo e creatividade cos pés na terra. Pateado.
A presentación terá lugar ás 21h o xoves 3 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Biografía:
Pradairo nace no outono de 2006 co obxectivo de levar adiante un proxecto que aportara un valor engadido ó traballo de campo realizado en Galicia nas últimas décadas. A súa idea musical plásmase por primeira vez nunha maqueta gravada nos estudios de son da Radio Galega nos meses de Febreiro e Marzo do ano 2007. Como primeira actuación preséntase no certame de música folk Radio Obradoiro organizado en Compostela polo grupo Correo Gallego logrando o primeiro premio consistente na gravación dun disco.
Xa en Marzo de 2008 editan o seu primeiro disco “Aliaxe” que os leva a realizar máis de 20 actuacións por toda a xeografía galega ó largo do verán, destacando entre todas a participación no festival de Ortigueira como finalista do certame Runas tras ser seleccionado entre máis de 40 formacións.
No ano 2009 é seleccionado para participar no concurso Löic Raison de grupos noveis do Festival intercéltico de Lorient, acadando a segunda posición entre outras trece formacións de lugares tan dispares como Escocia, Illa de Man, Irlanda ou a propia Bretaña
A nave da orquestra Sondeseu emprende no seu terceiro traballo, titulado Barlovento , unha navegación a favor da tradición oral, que evoluciona na musical actual e na sociedade urbana coa desaparición do mundo rural. « Barlovento é unha homenaxe a todas as manifestacións que tiveron un desenvolvemento importante nunha sociedade doutro tempo, e que hoxe en día, eses elementos culturais volver ser retomados; homenaxeamos aos construtores dos barcos tradicionais que volven sucar as rías galegas, agora xa con outras connotacións, pero sobre todo para non esquecer un patrimonio cultural moi importante en Galicia», explica Rodrigo Romaní, director da formación nacida dentro da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (e-Trad).
Sondeseu é a única orquestra de folk existente en Galicia, e está formada por corenta alumnos da e-Trad. Neste disco, as composicións pertencen a Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xaquín Xesteira, aínda que tamén incorporan unha canción de Rosa Cedrón. «Rosa Cedrón aparece con unha canción súa, Romance de Mirabella , á que lle fixemos un tratamento orquestral, e ela aparece como invitada especial, cantando», engade Rodrigo Romaní. A lista de colaboracións complétase coa presenza de Javier Feijoo, Xosé Liz, Xaquín Xesteira e o propio Rodrigo Romaní. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, «co obxecto de captar o ambiente e a enerxía únicas que caracterizan os concertos de Sondeseu».
Tradición e modernidade
Rodrigo Romaní explica que Sondeseu «quere ser fiel á liña de tomar melodías tradicionais, incorporando a composición moderna como parte do tratamento pero non como elemento en si mesmo». De feito, todas as composición son pequenas suites de dous ou tres temas tradicionais encadeados, nas que están presentes sete instrumentos diferentes e un coro de dez voces femininas.
Rodrigo Romaní opina que a formación ten o futuro garantido. «Dende o punto de vista estrutural, Sondeseu vaise consolidar, ademais como líder dun proxecto europeo, e, desde o punto de vista musical, aínda estamos empezando a ver o que pode dar de si, porque é algo novo que acabamos de inventar e aínda non coñecemos todos os rexistros que ten este instrumento», conclúe o director desta formación que ten a súa xustificación no directo
http://www.blogoteca.com/malmequer/

Uxía e Guadi Galego acompañarán a Magín Blanco
Magín Blanco, unha das figuras máis senlleiras do pop galego, dá o salto ao público infantil co espectáculo ‘A nena e o grilo', que presentará no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra o 14 de marzo (12:00 h., entrada de balde) trala saída do prelo do libro-CD homónimo da man da editora OQO. A actuación forma parte dos actos de clausura do XI Salón do Libro que está a celebrarse no espazo pontevedrés.
No traballo bibliodiscográfico que agora se presenta, producido na parte musical por Uxía Senlle e ilustrado por Iván Prieto, veñen de colaborar músicos coma Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila. O compositor ourensán exhibe un fato de cancións que, nas súas palabras, “non parten de ningún estilo en concreto” e que son “unha amalgama” das músicas que todos os colaboradores levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk. Como traballo conceptual, ‘A nena e o grilo’ sitúase a medio camiño entre o pop e a música de autor, de feito, as armonías vocais son o recurso musical máis empregado. “Interesábanos transmitir o feito de cantar como xogo, divertimento e forma de comunicación, máis que outra cousa”, resume Magín Blanco.
Agora, o resultado dese traballo de equipo será presentado en directo, nun espectáculo familiar no que Magín (guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Tannus (cavaquinho, guitarra, percusión, baixo e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración). Na actuación deste próximo domingo en Pontevedra subirán tamén ao palco Uxía e Guadi Galego.
A parte falada adquire unha vital importancia, xa que nos relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo, que descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionantes. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará a parte gráfica realizada por Iván Prieto. Estamos ante unha obra ambiciosa, cosmopolita, que invita a ter fe nos demais, a través dunhas cancións que reparten aloumiños a eito e amosan un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades, sen excluir ao público adulto.
Magín Blanco admite que é a primeira vez que non traballa coas súas propias emocións “ao cento por cento”, senón que partiu dunhas historias xa escritas, os contos. Por este motivo, tentou resaltar o sentido dos mesmos construíndo unha “madeixa de fíos” que se entrelazan e se complementan para “colorear” o eixo de toda esta historia: as emocións e o universo que van descubrindo os dous personaxes, a nena e o grilo. En definitiva, estamos perante un espectáculo con vocación universal partindo dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios dos protagonistas destas trece cancións de conto.

"A Requinta da Laxeira" xa está preparando o seu novo disco.
A presentación desta nova obra "Vai de baranda" presentarase cun concerto o vindeiro sábado 20 de Marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo presenta o seu primeiro disco en solitario, "Tirán", con once temas acústicos nos que se deixa influír por sons hindús e celtas
"A música tradicional galega escóitase por todo o mundo como algo exótico e gusta moitísimo. Lémbrome que en Pequín, hai un par de anos, os chineses flipaban só vendo a estética da gaita. É un instrumento que lles transmite enerxía, sensacións de alegría ou tristeza... É un son moi exportable". Que ninguén é profeta na súa terra ben o sabe o gaiteiro galego Anxo Lorenzo, que leva os últimos dez anos tocando máis fóra de Galicia que no país.
Cofundador do grupo vigués Spíritu 986 -que mesturaba gaitas e sintetizadores, electrónica e samplers-, Anxo Lorenzo (Moaña, 1974) compuxo a sintonía orixinal e oficial do Xacobeo 2000. Dez anos despois, mañá actúa ás 19:00 horas na FNAC da Coruña para presentar o disco do seu debut en solitario, Tirán, adicado á parroquia de Moaña, onde naceu. E para iso, o gaiteiro volve ás súas orixes, con once temas acústicos cos que , asegura, se sente "máis cómodo".
Lorenzo comezou tocando a frauta aos cinco anos até que seus pais lle regalaron a súa primeira gaita un ano despois. Formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, Anxo Lorenzo recibiu clases de Carlos Núñez, Moxenas, Patrick Molard ou Fred Morrison.
Agora, despois de viaxar polos escenarios de medio mundo, Anxo Lorenzo volve a Galicia para tocar unha gaita feita para a ocasión por Antón Corral, profesor da Escola de Artes e Oficios e un dos seus mestres.
As cancións de Tirán beben de fontes celtas e mesmo hindús, unha influencia perceptible en temas como a súa versión do clásico Aires de Pontevedra ou A Bruxa. "A influencia da estética hindú comezou hai anos cando colaborei co colectivo Om/Off", comenta o músico que acaba de actuar no Chichester Festival Theatre de Inglaterra con éxito de público e crítica.
"Hai moita creatividade e moi bos músicos en Galicia"
O gaiteiro, que remata a xira este domingo, día 7 cun concerto na Festa do Queixo de Arzúa, ás 19:00 horas, é "moi optimista" ollando o panorama da música tradicional galega e do folk. "Hai moita creatividade, bos músicos e están saíndo cousas moi interesantes", apunta.
Ao seu ver, a gaita é "un instrumento que evolucionou moito grazas aos artesáns e á preparación dos músicos grazas ao Conservatorio Superior de Música de Vigo ou á Central Folque de Santiago", incide. De aí que conciba a fusión da gaita con outras músicas como un proceso creativo aberto. "O límite pono cada un. É un instrumento que fóra de Galicia gusta moito e que aquí non valoramos tanto porque estamos máis acostumados ao seu son", asegura.
En Tirán, producido por Pedro González e que xa está á venda nas grandes superficies de toda España, participa a súa banda -Xosé Liz (bouzouki), Milla (percusións), Begoña Riobó (violín) e Álvaro Iglesias (contrabaixo)- e aos que se lles acaba de incorporar o violinista irlandés Eoghan Neff.
ARTISTAS Kathryn Tickell colabora no CD
En Tirán colaboran tamén a gaiteira e violinista de Northumbria, Kathryn Tickell, as cordas de Pancho Álvarez e Luis Peixoto, Roi Adrio na percusión, a zanfona de Anxo Pintos, o acordeón de Jorge Arribas e o grupo de estética hindú Om/Off.
Ademais, Anxo Lorenzo ten colaborado con artistas como Celtas Cortos, Lúnasa, Kathryn Tickell, Michael McGoldrick, The Chieftains, Daimh, The National Jazz Orchestra, Luigi Lai, Diarmaid Moynihan, Brian Finnegan, Xarabal, Om/Off, Jaula de Grillos, Tejedor, Angus Mackenzie, Iain MacDonald, Germán Díaz, Mónica Molina, Skape, Amistades Peligrosas ou Poncho k.
Malia chamarse igual que o responsable de Política Lingüística do Goberno galego, a este músico aínda non lle pasou ningunha anécdota. "Eu non son tan polémico", chancea.
www.galicia-hoxe.com
Sondeseu grava o seu terceiro Cd estos días no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Vigo
O traballo chámase "Barlovento" e estará na rúa o 28 de Marzo. Conta coa colaboración dos mestres das seccións como solistas e a participación de Rosa Cedrón, cunha versión orquestral de "Romance de Mirabella".
www.e-tradvigo.blogspot.com

ABERTAL é unha agrupación formada por alumnos da escola de música e baile tradicional de A Rúa de Valdeorras, escola fundada no ano 1989 por iniciativa e baixo a dirección de Manoel Anxo Durán Blanco.
Esta asociación ten nome propio dentro da música tradicional galega. Escola e canteira para investigar e recrear este inmenso patrimonio, ten apostado claramente pola autenticidade fronte a deturpación, no que atinxe ás expresións do noso folclore.
Co gallo do seu 20 aniversario chegou o seu último disco “No Forum Gigurrorum” que vai acompañado dun DVD sobre a traxectoria do grupo, e que leva por título “Espírito Abertal”.
O Xacobeo está a traballar na edición dun CD recopilatorio titulado “Cantigas do Camiño”. Contarán coa participación de prestixiosas bandas de folque galego entre as que se atopa a "Orquestra Sondeseu", na que fan prácticas profesionais alumnos e alumnas da e-Trad.
Trátase dun proxecto discográfico que se vai facer moi popular este ano. Sondeseu participa con "Amencer no camiño", unha revisión da tradicional da alborada de Pontecaldelas que ven de ser gravada no auditorio Martín Códax, no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A finais de Febreiro, Sondeseu gravará no mesmo auditorio o seu novo traballo, "Barlovento".

O vindeiro 6 de Febreiro terá lugar a presentación do Cd de José Fdez. Canosa, O Ghaiteiro do Piñeiro (tamén coñecido coma o Ghaiteiriño de Aldán), na que se pretende xuntar a músicos amigos e amigos en xeral no Salasón (Cangas) e rendirlle homenaxe como mellor se lle pode rendir a este Ghaiteiro: con boa música da Terra.
Actuarán:
-Pandereteiros O Tear de Llerena (Pontevedra/Morraso).
-Sachadiço (O Hío, Cangas).
-Treixadura Gaiteiros e Orfeón.
-Os Carunchos.
-Pecharán os propios Airiños do Piñeiro, e logo seguirá a festa rachada mentres se poida.

A Asociación Musical Ultreia ofrécenos unha viaxe musical por terras de cultura galego-portuguesa, percorrendo tres partes do Camiño de Santiago que levan ao Finisterre europeo. Nesta presentación, poderemos escoitar e ver; cantos, tocatas e bailes dos que ben puideron gozar os camiñantes que por alí pasaron. O primeiro dos nosos romeiros percorre o camiño do norte partindo dende Vilanova de Oscos, o segundo camiñante percorre o camiño portugués do interior partindo de Tras-os-montes, o terceiro diríxese a costa da morte partindo do Fundão na rexión centro de Portugal. Unha vez chegados a Santiago, xuntos os nosos 3 romeiros camiñan cara a costa da morte polo camiño Finisterre-Muxia, onde rematará a súa viaxe.
A presentación deste novo disco de Ultreia celebrarase este próximo Sábado 16 ás 21h no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Co obxecto de divulgar masivamente as primeiras gravacións ourensanas da historia, un total de 14.000 exemplares coas pezas interpretadas polo Coro De Ruada en 1929, serán distribuídos de forma gratuíta.
Esta iniciativa, que se integra nos actos de celebración do 90 aniversario da Coral De Ruada, presenta ao público un CD con 10 temas históricos especialmente restaurados para esta ocasión. A Pandeirada de Trives, a Foliada de Entrimo ou o Alalá de Ourense son algunhas das pezas que reúne o disco e que avalan a histórica implicación do Coro na preservación e difusión do patrimonio musical ourensán.
A distribución gratuíta dos 14.000 exemplares, que será promocionada durante toda esta semana, realizarase única e exclusivamente o luns día 12 de Outubro co periódico La Región.
www.ouvirmos.com
Logo dun arduo proceso de producción e edición ao fin está na rúa o agardado primeiro disco de Coanhadeira, 'Haique'.
O pasado sábado 4 de xullo, ás 22:00 h na plaza de S.Marcial de Ourense, no café Grandola, foi a data elexida polo grupo para un concerto-festa–presentación do disco, co que iniciaron ademais o seu varrido veraniego por todo o país, xa con 18 concertos datados, dende Xove até Arbo, pasando por Viveiro, Arzúa, Begonte, Rivadavia, Celanova...
Asemade haberá tempo para unha escapadela ao sul de Portugal, con tres actuacións en varias vilas do Festival do Sul, (Évora-Portugal); e tamén para un retorno a Cantabria logo da súa victoria no 'Concurso Escenario Prau', para compartir escenario o vindeiro 21 de agosto no prestixioso 'Festival Sauga Folk', con figuras do folc da talla de Lyam O´Flynn, Tejedor ou Milladoiro.
'Haique' recolle o principal do repertorio do grupo dende a súa formación, con renovacións de arranxos nalgún caso, e dúas pequenas sorpresas en forma de grandes colaboracións, de Guadi Galego e Fonso “Skarnio”.
Susana Seivane presentou o pasado xoves 2 de xullo o seu cuarto traballo discográfico, 'Os soños que volven' no Obradoiro de Gaitas da súa familia en Cecebre, Cambre. Despois dunha breve e simpática introducción a cargo do dúo humorístico As Cantareiras de Ardebullo, Susana falou dos pormenores deste novo CD que saiu ao mercado onte, luns, 6 de xullo.
Trátase dun disco producido polo propio selo discográfico de Susana, 'Enavíes Música'. Contén 14 títulos que suxiren momentos e lugares de especial transcendencia na súa vida. Temas que ela toca dende os seus primeiros pasos como gaiteira. Soños da súa infancia que quere retomar no presente interpretados, do xeito máis enxebre, pola súa gaita e a súa voz, sobre unha base de arranxos contemporáneos, frescos e impactantes.
Na gravación, que se realizou tamén nos estudios de Enavíes Música, participaron colaboradores e invitados da talla de Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Harry Price, Pedro Lamas, O Caruncho, e un largo etcétera de músicos relacionados dun xeito ou outro ca música tradicional galega.
Susana subliñou que non produce este disco ca idea de facer negocio, senón co desexo de que a súa música poida estar ao alcance de todo o mundo. É por esto que o CD sairá ao mercado a un prezo de tan só 9,95 euros.
A presentación oficial ao público terá lugar no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Susana prepara un gran concerto no que se poderán escoitar en directo moitos dos temas deste novo traballo. Será máis de hora e media de música que a artista galega ofrecerá acompañada, ademais da súa banda habitual, dos convidados que participaron na gravación do disco.
Á pregunta de un periodista sobre os concertos deste verán, Susana comentou que, despois do Festival de Ortigueira continuará a súa xira por Galicia en Muros, Ponteareas, Narón, Bueu, Miño e Malpica entre outros. Tamén viaxará a Francia para ofrecer dous concertos no Festival Intercéltico de Lorient co gallo da celebración do ano de Galicia.






