Benvido ao Portal da AGG!

Login
Nome:

Seña:


Esqueceu a seña?

Procura
Tradescola

Aturuxos

Publicacións da AGG

Novidades discográficas


LINHO DO CUCO
Linho do Cuco 3


A partir de hoxe está aberto o período de reserva de prazas na TRADESCOLA, o centro de ensino da música e do baile tradicional xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

Este centro, situado na cidade de Lugo, é un centro de formación cunha proposta educativa destinada a que o alumnado adquira unha formación integral na música e no baile tradicional.

A TRADESCOLA conta actualmente con 200 alumnos matriculados e con un equipo docente formado por 9 mestres de reconocido prestixio no eido da música e o baile tradicional, que imparten aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación.

Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor, Emilio Mesias, Luis Correa “ O Caruncho”, Xerardo Quintela, Montse Rivera, Pedro David Lamas, Begoña Lorenzo, Xela Conde, e Xose Lois Romero Cajigal. Todos eles son recoñecidos profesionais e contan cun dilatado curriculo, como músicos e como docentes, no eido da música tradicional galega.

A reserva de prazas na Tradescola permanecerá aberta ata o día 15 de xuño.

Para a reserva de prazas ou para obter máis información pódese dirixir á TRADESCOLA, situada no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Rúa Pintor Corredoira Nº 4- Lugo), chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a tradescola@gaiteirosgalegos.com

Na escola poden inscribirse persoas de tódalas idades (nenos a partir de 7 anos), para niveles de iniciación ou perfeccionamento.



Un ano máis, a Asociación de Gaiteiros Galegos reuniu a moitos dos seus soci@s e persoas amantes da música tradicional galega no Xantar Gaiteiro. O lugar escollido para a celebración desta XV edición foi a cidade de Lalín, concretamente o restaurante Agarimo, onde os asistentes disfrutaron dun menú consistente en cocido galego e postres tradicionais, e todo acompañado da mellor música tradicional.

O Xantar Gaiteiro é un encontro anual, organizado pola AGG, que vai pola súa 15ª edición e que cada ano se materializa nunha cidade ou vila, tratando de achegar esta celebración a todos os puntos da xeografía galega.

Dende a AGG pénsase que é importante manter xuntanzas como o Xantar Gaiteiro que serven para poñer en contacto ás persoas que, dende distintos puntos do país, traballan co obxectivo común de espallar e conservar a música tradicional.



A Casa da Xuventude de Mondoñedo acolleu a primeira parte das actividades que A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, desenvolverá estos días na vila. Durante máis de unha hora Bruno Villamor e Emilio Mesías fixeron un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos cautivando aos case 100 alumnos de primaria que asistiron ao concerto.
Cunha gran acollida, por parte do numeroso público asistente, estes dous mestres da Tradescola amosaron os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega.

Estas xornadas, que se iniciaron hoxe na Casa da Xuventude de Mondoñedo cun concerto didáctico adicado a escolares, continuarán o día 13 tamén na Casa da Xuventude con un curso de gaita que estará guiado por Bruno Villamor e Emilio Mesias, dous mestres de reconocido prestixio no eido da música tradicional. O curso de gaita, con obradoiros de iniciación e perfeccionamento, iniciarase ás 11.00 h. e rematará ás 20.00 h.

Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a tradescola@gaiteirosgalegos.com




A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, presentou hoxe as xornadas de música tradicional que está a organizar para os vindeiros días 9 e13 de Decembro en Mondoñedo. Á presentación das xornadas, que tivo lugar na Casa do Concello de Mondoñedo, asistiron o delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, o alcalde de Mondoñedo, Orlando González e Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola.

A Tradescola ten como obxectivo ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a tradescola@gaiteirosgalegos.com




A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza para a vindeira semana, unha nova xornada didáctica en Mondoñedo.

Esta actividade, pretende a divulgación da nosa música tradicional a través dunha serie de obradoiros impartidos por mestres da propia escola en diferentes comarcas da provincia de Lugo.

O vindeiro día 9 de Decembro, ás 11.00 h. terá lugar na casa da Xuventude de Mondoñedo un concerto didáctico adicado aos mais pequenos no que se fará un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. Neste concerto amosaranse os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega.

A maiores do concerto didáctico, o día 13 de Decembro a Tradescola organiza unha xornada adicada ó aprendizaxe da gaita.
Esta xornada, na que se impartirán varios obradoiros, estará guiada por dous profesores da Tradescola, Emilio Mesías e Bruno Villamor. Nesta xornada, que terá lugar na casa da Xuventude de Mondoñedo, poderemos disfrutar de obradoiros de iniciación e perfeccionamento de Gaita durante todo o día.


Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a tradescola@gaiteirosgalegos.com


AGG

Os asistentes do IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, a través da enquisa de avaliación da actividade que se lles entregou, valoraron moi positivamente o desenvolvemento destas actividades, destacando sobre todo metodoloxía empregada e os contidos dos distintos relatorios e obradoiros polo seu interese para empregalos nas aulas.
O IV Congreso de Ensinantes volveu a incidir na necesidade de transmitir os coñecementos e o respecto pola nosa cultura tradicional aos máis novos, e neste punto toca, inevitablemente, pasar polo ensino obrigatorio en infantil, primaria e secundaria. Moitos dos relatorios e obradoiros estaban claramente enfocados a mestres e mestras que desenvolven a súa labor neste campo, tentando conciencialos da necesidade de tratar o tema da música tradicional na escola como clave para a súa supervivencia e como medio máis eficaz de educación, como debe ser a propia cultura.
Tratáronse temáticas moi diversas, dende iniciativas para salvagardar e poñer en valor o Patrimonio Cultural Inmaterial Galego no sistema educativo, a situación actual do ensino da música tradicional, o Patrimonio lúdico galego, o baile tradicional, novos estudios e métodos de baile e gaita, materiais didácticos, obradoiros prácticos de baile, experiencias musicais na escola...
En xeral gustaron moito as actividades prácticas, como son os obradoiros, que dan aos mestres liñas de actuación na escola e ideas de como levar a cabo o que se di no congreso. Ditos mestres e mestras seguen a reclamar materiais relacionados coa nosa tradición, un punto vital no que a Asociación de Gaiteiros pon o seu esforzo.


A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo. O prazo de inscrición estará aberto entre os días 9 e 23 de Outubro.

Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Estamos a falar tanto do ensino obrigatorio, xa sexa público ou privado, como das universidades, escolas de música, conservatorios e todos aqueles lugares onde se produce un intercambio de coñecementos. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesario este proceso de transmisión, que constitúe o principal garante, non soamente da conservación das nosas tradicións, senón da súa utilidade na sociedade actual.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.


Nos seguintes enlaces podes atopar máis información sobre o congreso:

Inscrición

Boletín de inscrición para ensinantes a través da páxina da AS-PG

Programa e Información


Boletín de Inscrición para o resto de asistentes


O día 21 de Outubro tivo lugar no salón de Actos da Deputación de Lugo a presentación da IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega que contou coa presenza de Antón Bao Abelleira, vicepresidente da Deputación de Lugo, Xoán Manuel Tubío Fernández, secretario Asociación Gaiteiros Galegos, Antón Castro, representate da CIG Ensino e Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-pedagóxica Galega (ASPG).

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.


Grupos e músicos responderon de xeito masivo á convocatoria realizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos para participar na mobilización que reuniu na capital de Galiza a milleiros de persoas para defender o noso idioma

A Asociación de Gaiteiros Galegos encabezou a manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego que se celebrou na capital de Galiza o pasado día 18 de outubro. A AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos), integrada na plataforma organizadora, mobilizou aos asociados e asociadas que participaron de xeito masivo na manifestación facendo soar os seus instrumentos na defensa do noso son e do noso idioma. A AGG tivo a honra de ser convidada pola organización para abrir a manifestación que foi encabezada por membros da xunta directiva da AGG e varios socios e socias. Moitos foron, tamén, os gaiteiros e gaiteiras que levaron a Compostela o son dos seus instrumentos para facer patente o apoio dos músicos tradicionais a esta mobilización en defensa do noso idioma. Ademais da presenza na marcha a favor do Galego foron membros da AGG os que animaron, na Praza da Quintana, a chegada dos manifestantes e interpretaron o Himno Galego ao final das intervencións previstas pola plataforma.

Membros da directiva da AGG manifestaron que "a participación da AGG nesta mobilización é a continuidade ao traballo realizado pola Asociación de Gaiteiros en máis de 20 anos de defensa da nosa música, da nosa cultura e do noso idioma". Para a AGG non se pode entender a cultura, nin a música galega sen o idioma "non se pode entender a figura do músico tradicional como un interprete instrumentista ao uso, ser gaiteiro conleva moito máis que saber tocar a gaita".


A Asociación de Gaiteiros Galegos está a organizar o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, que se levará a cabo no Auditorio da Facultade de Veterinaria, no Campus Universitario de Lugo, durante os días 30 e 31 de Outubro e 1 de Novembro. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso.

As normas para a presentación de comunicacións serán as seguintes:

- O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será do 1 ao 17 de outubro de 2009. O contido deberá ser enviado co seguinte formato: letra “Times New Roman”, tamaño 12, interliñado sinxelo. O contido deberá incluírse nunha páxina como máximo (1 cara). Ademais deberán indicarse os datos persoais do autor/es que presenten a comunicación.

- Os autores das comunicacións seleccionadas poderán redactar o traballo in extenso ata o 27 de Outubro. Data límite para que todos poidan ser incluídas na documentación oficial do Congreso.

- A duración das comunicacións non deberá ser superior a 15 minutos de exposición.

- O envío das comunicacións deberá realizarse por correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.com ou por correo ordinario á Rúa Alfonso XIII nº7, oficina 8. 36002 Pontevedra.


A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza para o vindeiro día 17 de Setembro unha xornada didáctica sobre música tradicional en Lugo. Esta xornada, estará guiada polos profesoras da Tradescola Xela Conde e Pedro Lamas.



Esta actividade terá lugar no salón de Actos do CRX LugII de Lugo (sede da Tradescola) o xoves 17 de Setembro a partir das 17:30 h da tarde.



Para recibir máis información ou para facer as inscricións poden chamar ao teléfono 982229966 ou enviar un mail a tradescola@gaiteirosgalegos.com


Tradescola
CRX LugII
Rúa Pintor Corredoira, 4 · Lugo


Abrigueiro Estudios, un dos estudios de gravación mais representativos de Galicia ubicado na montaña lucense, presenta unha oferta nos seus prezos para os socios da AGG.

Con un desconto do 15% para asociados da Asociación de Gaiteiros Galegos, Abrigueiro Estudios quere dar un pouco mais a coñecer o seu aclamado son, conseguido co traballo de xente moi experimentada, con material de calidade e mimando a túa música para que teña un acabado profesional á par que asequible para todos.

Abrigueiro Estudios está especializado en gravación, mistura e masterización, pasando polo seus microfonos agrupacions coma Fuxan os Ventos , Pepe Vaamonde Grupo , Ghaita Depedra ou Cuarteto Caramuxo, e artistas en colaboracions coma Anxo Pintos , X.M Budiño, Ivan Costa e Carlos Castro entre outros.

Para mais información podes chamar ao 982 15 35 81, enviar un correo electrónico a info@abrigueiro.com ou visitar a páxina web de Abrigueiro Estudios


A pasada fin de semana celebrouse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpriu a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contou coa asistencia de numeroso público, que desfrutou visitando os postos dos 20 artesans, e asistindo ás actuacións e obradoiros organizados.

A Mostra comezou cun fermoso pregón de Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega. Posteriormente, Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira impartiron un interesante obradorio de regueifas, ao que seguiu a actuación de Tanto nos Ten, un dos grupos revelación da música tradicional galega.

Durante a xornada do domingo 2 de agosto, Oli Xiráldez e Pablo Díaz conduciron, respectivamente, obradoiros de treboada e baile tradicional. Pola tarde, a música chegou a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofreceu versións do repertorio popular galego.

A gran cantidade de asistentes e o alto grado de interese e participación que mostraron pola Mostra anímanos a seguir traballando no achegamento ao público da cultura tradicional.


Os días 1 e 2 de Agosto celebraranse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpre a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contará coa presenza de 20 artesáns, ademais de actuacións e obradoiros que mostrar a nosa forte aposta pola música e o baile tradicional.
O programa desta nova edición conta cun pregoeiro de excepción: Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega, que formou parte do colectivo Voces Ceibes, para logo continuar a súa carreira artística en solitario.
O sábado 1 de agosto contarase cun dos grupos revelación da música tradicional galega, Tanto Nos Ten, que actuará no escenario do espazo da Mostra. Previamente, os asistentes terán ocasión de participar no Obradoiro de Regueifas a cargo de Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira.
Durante a xornada do domingo 2 de agosto haberá actividades dende a mañá, co son dos bombos do Obradoiro de Treboada, conducido por Oli Xiráldez, e co Obradoiro de Baile Tradicional, dirixido por Pablo Díaz. Pola tarde, a música chegará a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofrecerán versións do repertorio popular galego.
As actividades previstas para enriquecer a exposición están enfocadas para que sexan totalmente participativas, polo que haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar e aqueles artesáns que desexen falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Ademais de ser a primeira mostra organizada en todo o Estado, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, é a que máis anos leva facéndose ininterrompidamente, chegando a ser hoxe en día referencia de luthiers e músicos tradicionais, non so de Galicia, senón de toda a Península, pois tamén ten grande repercusión en Portugal.


Por segundo ano, a Mostra de Cultura Tradicional que a AGG organiza dentro das actividades do Festigal, repetiu éxito.


Numerosas persoas disfrutaron da Galería da Cultura Tradicional, que foi xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos dentro das actividades do Festigal, que se celebrou en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de Xullo.


Os visitantes puideron asistir a actuacións, mostras de instrumentos e xoguetes tradicionais, e distintos obradoiros que fixeron as delicias do numerosísimo público que nos visitou durante a mostra.


Nesta edición contouse coa presenza de dous recoñecidos artesáns de instrumentos tradicionais, que amosaron o seu bó facer nunha ampla exposición. Contouse tamén con mestres que levaron a cabo obradoiros de treboada, xoguetes tradicionais e iniciación ao baile tradicional. A ampla mostra de xoguetes tradicionais coa que contou a galería evocou tempos pasados en moitos dos asistentes.


(1) 2 3 4 ... 8 »
Menú principal
Mini calendario
Més pasadoSet 2010Més seguinte
Lu Ma Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30
Hoxe
Eventos para hoxe
Sen eventos
Eventos por vir
Sen eventos