Benvido ao Portal da AGG!

Login
Nome:

Seña:


Esqueceu a seña?

Procura
Tradescola

Aturuxos

Publicacións da AGG

Entrevistas : Bieito Romero

Bieito Romero, acordeonista, gaiteiro e zanfonista, foi un dos fundadores con conxunto folk Luar na Lubre, hai case 25 anos. Co seu primeiro disco en directo, Ao vivo, –xa esgotado e a piques d e reeditarse– veñen de gañar o Premio da Música ao Mellor Álbum Folk. co que sumaron o seu noveno galardón.

Pensan xa nun novo disco?
Xa estamos preparando un, e deberiamos empezar a gravar a partir do verán, para que estea nas tendas en 2011. Será un pouco diferente, porque traballaremos sobre a música medieval, coas cantigas, cos poemas do ciclo bretón e carolinxio, Martin Códax, Alfonso X..., pero dándolle unha instrumentación moderna, traéndoa ao noso terreo, porque é unha música moi adaptable.

O premio da música foi un bo regalo de 25 aniversario para vostedes?
Pois si. Foi un recoñecemento importante, que premiou o noso primeiro disco en directo. E faise máis importante porque xorde da votación dos compañeiros do mundo da música.

Con este van nove premios, xa non hai moitos que lles gañen...
Nos catorce anos que se levan celebrando Premios da Música, só Alejandro Sanz e Amaral teñen máis ca nós, e Amaral só nos leva un de diferenza. É un detalle que pode axudar a ver a importancia que pode ter a música galega, aínda que non sexamos superventas.

Queixárase vostede anteriormente de que a Xunta non os felicitou...
Agora tivemos felicitacións da Xunta, do xestor da Agadic, Juan Carlos Fasero, do Concello da Coruña... houbo varias. Tardaron, pero remataron por facelo despois de que eu sacase o tema nunha entrevista. Considérome felicitado, e estou satisfeito, pero o ideal tería sido que o fixeran no momento, non catro días despois. Hai que ser máis sensibles coa cultura do país, sobre todo se queremos que teña importancia, se queremos valorizar o que facemos.

Pensa entón que falta sensibilidade política de cara á cultura galega?
Si, pero non só neste goberno. Co bipartito tamén nos sentimos afastados, porque nós non temos amigos políticos, e iso é unha gran eiva á hora de chegar ás institucións. Nós temos máis de 300.000 discos vendidos, fomos tocar a máis de 25 países, e moitas veces te sentes máis recoñecido fóra de Galicia que dentro... É cansino que, cada vez que hai un cambio de goberno, teñas que volver explicar quen es e o que fas. Non todo o mundo ten que saber de todo, pero se vas asumir un cargo administrativo relacionado coa cultura, deberías asesorarte. Resulta moi triste ter que explicarlle a una consellería ou a un concello que é Luar na Lubre, despois de 24 anos. O caso é que sempre tivemos que pelexar moito pola axuda institucional.

Participarán este ano no ciclo Xacobeo Raíces, centrado nos grupos galegos. Pelexaron para estar aí?
Neste caso, non. Postulámonos para participar, porque consideramos que debemos estar presentes nestes eventos, estea quen estea na Xunta, e non tivemos problema.

Parécelle suficiente este Raíces como presenza galega no Xacobeo?
Por unha parte, é moi representativo porque partipán un bo número de grupos e solistas, 25 en total. Por outra, só dura seis meses, e todos os concertos son en Galicia. Deberiamos estar por toda España, ou polo menos nas localidades do Camiño. A música galega debería estar por aí promocionando o Xacobeo, cousa que revertiría en nós e tamén no propio Xacobeo, pero por desgraza o Goberno non tivo esa perspectiva ao organizalo.

Que tal con Juan Carlos Fasero na Agadic, tendo en conta que el tamén ven do mundo da música?
Nós con Fasero tivemos unha entrevista e lle expuxemos os nosos proxectos. Estamos á espera, e somos conscientes de que só leva un ano. Nestes momentos, non estou en condición de valorar, pero debería entender que no folk, e na música que se fai en Galicia en xeral, hai potencial abondo para consolidar unha industria propia e forte. Nunca houbo en Galicia tan boa calidade e tanta cantidade de músicos como agora.

Entón, que falla no sector?
Que estamos moi desunidos, e que cada quen traballa na súa parcela, pero para solventar iso debería estar a administración, dende a sensibilidade que se lles presupón. Pero non, estamos moi desprotexidos, ogallá tiveramos un sistema como o francés, onde o músico está considerado polo Estado, ten cobertura da seguridade social... e mentres, aquí temos que estar mendigando.

Por que países como Irlanda, Cuba ou Cabo Verde dan vendido a súa música e Galicia non?
Ese é o tema. Igual que se fai coa moda e coa gastronomía, a música tamén debería ser embaixadora de Galicia. A música irlandesa é unha das principais fontes de divisas do país. Ou, sen ir tan lonxe, os andaluces teñen un recoñecemento do flamenco dentro do seu Estatuto de Autonomía, porque entenden que é algo que lles dá prestixio. Hungría, que está por debaixo de nós economicamente, logra exportar a súa música, igual que Cabo Verde, que ten a Cesárea Évora e outros moitos artistas. O truco? Que eles valoran o que teñen e o potencian, un exemplo que nós deberiamos seguir.

Poden abrir camiño os festivais?
Poden, pero precisan repensarse un pouco. Aquí estamos no país do gratís, e iso acaba por atraer a xente á que non lle importa quen toque nin como, crea un ambiente de botellón que dá unha imaxe pésima. Eu son partidario de cobrar aínda que sexa un prezo simbólico, para seleccionar a xente. Implantárono na Carballeira de Zas, cinco euros cos que regalan un pano e un CD, e aínda así xuntan unhas 8.000 persoas. Co recadado, xa garanten o festival do ano que ven, en vez de estar pendentes de vender camisetas e churrasco.
http://www.blogoteca.com/malmequer/

Páxina para imprimir Enviar esta história a un amigo
Menú principal
Mini calendario
Més pasadoSet 2010Més seguinte
Lu Ma Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30
Hoxe