Este Sábado día 23 de xaneiro, ás 19 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23) terá lugar a presentacion do libro "Así fan os bailadores".
O acto será presentado polos autores, tamén participarán bailadores e bailadoras de Cántigas e Frores.
"Así fan os bailadores..." contén unha compilación de danzas e bailes tradicionais, presentados como unha iniciación ao baile galego. O libro
consta de transcricións musicais en partitura, diagramas espaciais e
cinetogramas, fotografías, ilustracións e explicacións. No DVD pódense ver ditas danzas e bailes, realizados por grupos de nenos e mozos con música ao vivo. Inclúese un CD coa música gravada en estudio, que posúe a calidade requirida para servir de apoio á execución dos bailes, ou ben á escoita por pracer.
O interese da obra vai moito máis aló da mera práctica, visualización e escoita da música nela contida, ao incluír a reprodución en cinetografía das danzas e bailes practicados. Un método de escrita aplicado á danza, ideado por Rudolf Laban a comezos do século XX e coordinado nesta obra por János Fügedi, profesor na Academia Húngara de Danza e investigador do Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias de Budapest.
Este traballo está dirixido a profesores de Educación primaria e secundaria, así como doutros niveis educativos, animadores culturais e monitores de tempo de lecer, e mestres de baile tradicional; tampouco esquecimos ás familias que queiran iniciar ás nenas e nenos nos nosos bailes e danzas, que conforman parte destacada do noso patrimonio cultural inmaterial.







