Benvido ao Portal da AGG!

Login
Nome:

Seña:


Esqueceu a seña?

Procura
Tradescola

Aturuxos

Publicacións da AGG

Publicacións

Menu »» Miguel Pérez Lorenzo

Tipo de publicación
Páxina web
Autores similares
Libros
Outras ligazóns

Título da Publicación Capítulos
Moxenas. A memoria do son

Ano 2004 Editora Edicións do Cumio Mercar
 
Excelente traballo de Miguel Pérez Lorenzo onde trata as distintas facetas dun dos gaiteiros mais salientables do século XX: Nazario González Iglesias, Moxenas ou Tito para os amigos. En formato libro mais DVD.
1. Agradecementos
2. Prólogo do autor
3. Introdución
4. Biografía
5. Moxenas, intérprete
6. Moxenas, compositor
7. Moxenas, poeta
8. Moxenas, mestre
9. Gaiteiro
10. Anexos: A Fichas e B Partituras


Os comentarios son de propriedade de quen os enviou. Non somos responsables polo seu contido.

Enviado por Tópico
area
Publicado: 01/07/2005 18:29  Actualizado: 01/07/2005 18:29
Webmaster
Rexistrado desde: 12/11/2004
localidade:
Mensaxes: 9
 Comentários de Xosé Manuel Fernández Costas
Olá.

Simplesmente dar luz aos comentários que D. Xosé Manuel Fernández Cotas fai en relación coa obra.

Saudos

Iván Area
*************************************
NOTAS ACLARATORIAS SOBRE ERROS ADVERTIDOS NO LIBRO "MOXENAS a memoria do son"
EDITADO POR EDICIÓNS DO CUMIO.


Vigo, 23 de xuño do 2005





Permítanme que me presente. O meu nome é Xosé Manuel Fernández Costas, e
escribo estas liñas coa intención de aportar dados que axuden a comprender a
historia que no citado libro se relata no capítulo que fai referencia a MUXICAS.



Dado que no libro eu son citado en máis de vinte ocasións, e dada a miña
condición de membro fundador do grupo MUXICAS, a pesares do que en ningún
momento se establece contacto comigo (con Manolo RIN-RIN, con Liño Figueroa,
etc.), síntome na obriga de aportar outra perspectiva.



Tentarei ser o máis breve, claro, estructurado e directo que poida, coa
esperanza de non aburrir. O sistema a seguir é o de comentar o capítulo adicado
a Muxicas sinalando a páxina que suscita o comentario, co obxecto de que quen
queira poida simultanear a lectura do libro e as miñas aportacións.



Na páxina 38, e falando do comezo de Muxicas, dise que Moxenas lidera o grupo
pola súa experiencia, carisma e popularidade no mundo da gaita. A realidade é
que decidimos que cando fose necesario que alguén saira representando o grupo
nalgún acto fora el porque era o integrante maior idade, eso é todo.
Popularidade, experiencia, eran verbas descoñecidas naquel entón. O carisma é un
sentimento subxectivo no que non vou entrar.



O deseño do anagrama do grupo é de Xoán Somoza. Entre proposicións de varios
debuxantes, o de Xoán foi o escollido.



O nome do grupo propúxeno eu, mesmo contra o desexo de Moxenas, porque como se
sabe Tito tiña en mala querencia o seu alcume. Tanto é así que poucas persoas
próximas o chamabamos "Moxenas". A maior parte da xente se dirixía a el coma
"Tito". Somentes logo de anos aceptou o seu alcume. O nome do grupo saíu
buscando eu sinónimos de "Moxenas" no diccionario. Foi votado e aceptado polos
compañeiros; a pesares de que naquel entón se lle vaticinou pouco futuro a un
nome tan "feo". Nun principio fomos "Muxicas Galegas" -ainda teño tarxetas desa
época-, logo "Muxicas de Vigo" e ó remate "Muxicas".



Na páxina 39 reprodúcese o fragmento dunha conversa con Moxenas onde declara
que a el o protagonísmo é a cousa que máis gorda lle cae. Pero parece que iso
non é óbice para que en sucesivos fragmentos reproducidos se arrogue "cen por
cen" a autoría dunha serie de pezas das que, salvo porque as rexistrou ó seu
nome, non son súas cen por cen, e intentarei explicar isto pouco a pouco.



O sistema que seguimos en Muxicas para face-lo noso repertorio de gaita, dende
o comezo, foi o seguinte:



- Os temas de outros grupos (Campaneiros, Morenos, Cruceiros, etc.)
aprendiámo-los cadansúa voz e logo os montabamos e puliamos.

- As percusións aportaban o seu libremente.

- Os temas dos cancioneiros cos arranxos para as dúas gaitas aportábaos eu, e
as percusións incorporaban o seu bo quefacer sin máis indicacións que os lugares
de entrada e corte, o cal lle correspondía ó "director artístico", ou sexa a
min.

- No tocante ás pezas de autor, normalmente Moxenas aportaba liñas melódicas
(sempre recoñecín que foi un magnífico creador de liñas melódicas) e os dúos,
voces e repeticións "consensuabámo-los".

- Unhas veces as segundas voces eran creación de Moxenas (suposto A)

- Outras veces as segundas voces e as montaxes eran creación miña (suposto B).



No caso de "A Barroca" o que se fai é crear un tema a base de tres fragmentos
dispersos, a saber: unha alborada, un alzamento e unha muiñeira. O alzamento,
como moi ben reflicte o libro, atopeino no Cancioneiro de Casto Sampedro. A
muiñeira é creación (a liña melódica, e só a liña melódica da primeira gaita) de
Moxenas; pero a alborada, ... vaia, a alborada non é composición de Moxenas, por
máis que a rexistre (a peza completa) ó seu nome (sen avisar a ninguén, claro).



"A Barroca" monteina eu por vez primeira en 1981 (teño a gravación en audio
desa época; para dúas gaitas no mesmo ton porque era a formación instrumental
que tiñamos). De feito, "A Barroca", pensábase incluir na gravación do primeiro
disco, Parolada, e a gravamos na sesión correspondente, pero decidimos deixala
fóra pola mala calidade da gravación. Cando en Muxicas comezamos tocar con
gaitas en distintos tons (LA con RE) retomo a peza, e a monto para ese tipo de
instrumentación. Igual que monto "Michuca" (obra miña a pesares de que Moxenas
tense atribuído a autoría) e igual que monto o resto dos temas con gaitas en
distintos tons do dobre álbum, monto os temas con pitos e monto e toco os temas
con zanfona; e posteriormente sigo a montar temas con gaitas en distintos tons
no resto dos discos de Muxicas.



É de subliñar que as gaitas de LA, nas que hai que transporta-la dixitación
unha cuarta máis arriba da tónica, tocabámo-las Xosé Anxo Failde e máis eu.
Moxenas, estando en Muxicas, nunca soubo dixitar desta maneira. Tanto en "A
Barroca" como en "Michuca" toca a gaita de RE, que traballa na dixitación
convencional.



As percusións, repito, sempre tiñan total liberdade para crear, salvo cando se
trataba de pezas de cancioneiros nas que sempre intentabamos que, no principio,
os toques se cinguiran ó cancioneiro. Por certo, o tema "Parolada", como tantos
outros temas, montouse segundo o suposto B. Por iso sempre se firmaba o tema
como de "MUXICAS".



Na páxina 44 resáltase que no concerto man a man con "Os Cruceiros", para
tocar con eles non houbo que reafinar. Iso congratúlame porque en Muxicas non
era Moxenas quen afinaba as gaitas. E non quero dicir que non soubese afinar; o
que digo e que en Muxicas, segundo o reparto de tarefas que tiñamos establecido,
ese traballo correspondíame a min.



Asemade en outubro do ano 1983 hai novo premio de composición, dise no libro
que "para Moxenas ou para Muxicas". O 3º premio do II Certame Toxos e Xestas de
composición para gaita galega, coa peza "Foliada de Andrea" que como se di
noutro lugar do libro é unha foliada adicada á neta de Moxenas, Andrea. O que
non reflicte o libro é que amáis de neta de Moxenas é filla de Xoán Somoza,
membro do grupo, e afillada miña, que tamén son, obviamente, membro do grupo. De
novo repítese a situación e co mesmo agravante de "A Barroca". Cando se
ensamblan as distintas partes da peza, seleccionamos liñas melódicas creadas por
Moxenas e liñas melódicas creadas por min. Teño as grabacións orixinais que o
testemuñan. Cando llo manifesto a Moxenas, que presenta a concurso a peza
asinada exclusivamente por él, como acostumaba e sin consultar a ninguén,
contéstame dando largas, polo que opto por non monta-lo escándalo e transixir.



Na páxina 45 dise (por certo con bo criterio por non saber a quen otorgarllo,
como se vai vendo) que en outubro do 1984 "cae" outro premio para
"Moxenas-Muxicas". O 2º premio do III Certame Toxos e Xestas de composición para
gaita galega, pola "Jota Muxicas" e, a continuación, transcribe o parágrafo
dunha gravación realizada a Moxenas. Eu aconsellaría que quen poidese o releera
con calma porque da moitas claves para comprender o que estou a intentar
explicar. Primeiro Moxenas di que fixo a peza pensando en que tódolos
compañeiros colaboraran porque era unha peza cargada de simbolismo. Logo
desdise afirmando que é unha peza súa cen por cen e logo aclara que á percusión
déralles azos para que tocaran o que eles consideraran. E se había algo da
melodía que non gustase que se lle dixera. Imos ver: xa quedou claro que en
Muxicas os percusionistas gozaron sempre de absoluta liberdade interpretativa,
do que me sinto orgulloso polos meus compañeiros, que sempre brilaron a unha
altura artística incrible. ¿A que ven, entón, a declaración de Moxenas de que
foi pensada para que todos colaboraran?, ¿cál era a "presunta" diferencia neste
tema, que o facía tan "simbólico"? , ¿que quería subliñar pero non se atrevía?
Pois a que as gaitas traballaron, unha vez máis, segundo o esquema do "suposto
B". Pero, claro, ¿como xustificar ísto cando ún se arroga en exclusiva a autoría
e a presenta a concurso sin consultar a ninguén?



Na páxina 47 fálase da combinación de gaitas de distintos tons en Muxicas.
Efectivamente, como subliña Moxenas, a combinación xurde da casualidade, cousa
que lembro perfectamente porque estaba Moxenas templando a gaita de RE cando eu
puxérame a templa-la de LA. E nasceu o milagre. Os roncos soaban ben,
harmonizaban. É mais, dando nota a nota había tamén harmonía nos punteiros; se
ben a miña gaita de LA logo quedaba sen agudos pero a escala podía continuar
transportando por abaixo. Incrible!! Ese foi o comezo e non outro. Xa con
anterioridade o mestre Roxelio de Leonardo Bouza traballara na composición para
simultanear gaitas de distintos tons, e iso fora un fundamental primeiro paso,
se ben, que eu soubese, a combinación LA-RE non a empregaba, e en "Muxicas"
abrimos unha canle non explorada. Isto hoxe pode parecer unha obviedade, pero
podo asegurar que entón non o era. Para min foi un grande descubrimento, que nos
abríu novos vieiros e horizontes sonoros polos que camiñar cara ó futuro.



As experiencias que me aportaron os ensaios do "Setimino" de Leonardo Bouza,
co grupo didáctico da Universidade Popular de Vigo, puiden trasladalas a
Muxicas, se ben como dixen, afondando en novas solucións ós problemas existentes
e respectando as gaitas e os seus roncos. Como xa se sabe fun expulsado do grupo
didáctico da Universidade Popular, pero non polas extranas, vagas e irracionais
razóns que dixo nalgún momento un mal informado Abraham Fernández, senón por
decir con claridade o que eu pensaba, non face-las reverencias de rigor e manter
postura de defensa da dignidade e coherencia da gaita galega e as súa
percusións. Pero iso é outra historia.



Na mesma páxina fala Moxenas de que a gravación do seguinte disco (o dobre,
para que nos entendamos) foi idea súa ¿Cuestión de protagonismo? O certo é que
tiñamos moitos temas preparados e cando nos sentamos para perfila-lo disco
decatámonos de que os queriamos gravar todos. Eu preparei un esbozo de disco
dobre, coa separación dos dous LPs por características dos temas, un disco para
bailar e outro para escoitar. Os compañeiros, sen excepción, dixéronme que
estaba tolo. Escribín os textos da carpeta -todos salvo a inclusión que fixen do
poema de Moxenas do que ainda teño o orixinal sen correxir ("...Si me colles ,
... , si me ..." corrección que realizou Xesús Alonso Montero o mesmo que do
resto dos textos meus), encargueille ó compañeiro en Muxicas Liño Figueroa (que
tamén é debuxante e pintor) o debuxo da fonte da Barroca que aparece no interior
do disco, e Moxenas falou cun alumno seu (Raul) que facía caricaturas con
aerógrafo, quen fixo os debuxos de portada e contraportada. Realicei o traballo
de enmaquetación e pre-producción do disco, distribución dos temas, tempos de
duración e o diseño xeral da gravación no estudio coa asignación diaria de
instrumentos e temas. Ó cabo fun encargado da post-producción do disco e, de
seguro, algún compañeiro aínda lembrará cando os tiven que "invitar" a sair da
cabina do estudio porque querían que puxera as percusións máis baixas na
mestura.



Realmente habería que falar con D. José Antonio Couceiro, director de EDIGAL,
a casa que nos gravou, para saber cómo logo de moito teimar con él (de certo que
a negociación foi árdua) conseguín convencelo de embarcármonos nunha gravación
inédita no mundo da música en Galicia ata entón: un dobre álbum. Pesando en
contra tódalas opinións dos expertos consultados polo Sr. Couceiro.



Na páxina 48 dase conta de cando Muxicas decide democráticamente plantar o
concerto do VIII Festival Celta de Vigo no ano 1985. O autor di que foi un acto
de dignidade, que marcou o devir do grupo para sempre. Grande verdade. É unha
das accións das que me sinto máis orgulloso, na parte que me corresponde. Un
grupo de gaiteiros plantando cara o gran poder (léase o Concello de Vigo) polo
seu caciquismo, desprezo ós gaiteiros galegos e falta de respecto a Galicia e a
súa Cultura. O alcalde Soto nunca, repito, nunca nolo perdoou.

O mesmo alcalde Soto que no ano 1991 aparece entregando o galardón de "Vigués
Distinguido" a Moxenas. O certo é que, aínda que aplaudido por min, nunca
cheguei a comprender ese cambio "parcial" de criterio do Concello de Vigo.
Benvido fora pero, extrañamente, Muxicas seguíu demonizado polo concello. Nunca
o terminei de entender. A non ser ...



Na páxina 49 dise que por fin en outubro do 1985 "Moxenas-Muxicas" acada o 1º
Premio do IV Certame Toxos e Xestas de composición para gaita galega. E nomea a
"A Barroca" como peza cume de Moxenas como compositor e emblema de Muxicas. E
claro, novamente estamos ante a auto-otorgación da creación dunha peza. O autor
comenta na páxina 230 que considera desacertado que Muxicas, ó incluir "A
Barroca" no seu disco "20 anos de camiño", asigne a autoría do tema a
"Cancioneiro de Casto Sampedro - Nazario González" pero era o único xeito legal
que tiñamos para dar unha chamada sobre este feito. Era unha chamada para que os
investigadores ós que lles interesara a verdade puidesen segui-lo rastro. Estou
seguro que haberá quen escriba algún libro no que se realice un estudio
comparativo serio e imparcial que permitirá esclarecer os feitos.



A esas alturas, xa cun ambiente fondamente enrarecido en Muxicas, despois de
que lle pedíramos a Moxenas explicacións, de que lle reiteraramos que non era a
primeira vez (cando de novo se pon por riba da mesa o caso da "Foliada de
Andrea", desta volta contéstame que lle tería que estar agradecido por deixarme
meter algo meu nun tema "seu"), aparece un día no ensaio cun recorte de prensa
onde nos indica que enviou unha carta aclarando que "A Barroca" non é un tema
seu, senón que é de autoría compartida e nos demos, daquela, por satisfeitos.
Pero o mal xa estaba feito, coma o tempo demostrou.



Nesta época, na que estabamos montando temas para o disco, un día aparece coa
proposta para o que ó cabo se chamou "Lembrando ós Campaneiros" que o autor cita
na páxina 150. Eu coméntolle a Moxenas que haberá que modificar algunha frase
musical porque atopei un plaxio (non é o parafraseo do principio). Moxenas
reacciona con violencia ante o que se optou por que se encargara el da montaxe.
Velaí temos un tema íntegramente composto e montado por Moxenas (no tocante ás
gaitas). Non é o único tema do doble álbum con voces traballadas en exclusiva
por el. Outra é a "Mazurca para Boiro" que montou, en canto a gaitas, antes de
traela a Muxicas. A Reviravolta, por ser un tema solista composto por Moxenas, é
outro deles.



Queda un dos puntos máis importantes, doentes e falseados da relación de
Moxenas con Muxicas. O como, cando e por que deixou o grupo. Aínda que no libro
xa nos dá algunha pista. Lemos na páxina 52 que todo comezara a principios de
ano (1986), antes de gravar o dobre, cando Moxenas atópase cunha proposta do
grupo de traballar na liña de composicións como "Michuca", "Maio de
Vilalba" -(permítome engadir "A Barroca", "Os pasacorredoiras", "Ledicias da
Vila Ortegán", "Vals Romántico", "Carballesas", "Fandangos" etc., como se pode
comprobar seguindo a traxectoria posterior de Muxicas). Continúa o libro
dicindo que Moxenas nin ve clara nin lle gusta esa nova liña, "nin se considera
capacitado para enfrontar ese novo reto". Seguindo co libro, nel se reproduce o
fragmento dunha conversa con Moxenas onde declara que non vai seguir. O autor
continúa declarando que Moxenas pon en coñecemento do grupo que, unha vez
editado o dobre álbum, abandonará o quinteto. De feito, cando xa vimos de volta
de gravar, reitera no tren que abandona o grupo. Manolo RIN-RIN intenta
convencelo pero a súa decisión é irrevocable. Xosé Anxo Failde marcha para a
Mili ó pouco de voltar a Vigo e xa non retorna a Muxicas.



A intención de Moxenas é a de abandona-lo quinteto, e así o fai. Pero queda
perfectamente claro que o grupo vai continuar e a Moxenas, nun principio,
parécelle ben. Tanto é así que nos ofrece traer as súas gaitas (xemelgas das
miñas) para que continuemos. Quince días máis tarde nos comunica que cando
necesitemos ás súas gaitas que as vaiamos a buscar pola súa casa e logo, cada
vez, llas levemos de volta. E quince días máis tarde muda totalmente de opinión.
Xa non quere saber nada de nós.



Declara que deixa Muxicas por falta de entendemento entre os compañeiros,
cousa que foi certa. Pero "deixa Muxicas". El é tan "Muxicas" coma o resto dos
compañeiros, incluíndome a min.



No libro dise unha barbaridade que non podo deixar de comentar. Nas páxinas
52/53 e 63 coméntase que o feito de ter eu rexistrado o nome de Muxicas, (deixa
entrever ó autor a idea maliciosa de que o fixen as achantadas) é un dos motivos
que tensionou as relacións entre Moxenas e eu. Vaiamos por partes.



Na páxina 63 declárase que Moxenas se enterou de que eu tiña rexistrado o nome
de Muxicas, porque puxen o seu enderezo e recibíu unha carta do rexistro.
(¿Alucinante?, ¿Inexplicable?) Moxenas estaba perfectamente ó tanto dos trámites
de rexistro, e de que se puxo ó meu nome porque cando falei de sermos todos
titulares el me dixo que para que, se chegaba con que fose eu. Foi unha cuestión
de comodidade para todos e un traballo máis para min. Figuraba o seu enderezo
porque a min me pareceu unha cuestión de dignidade poñe-lo seu en vez do meu, o
que sería máis lóxico en caso de facelo ás achantadas. Por favor ...



A partires de que Moxenas deixa Muxicas (reitero unha vez máis que el mesmo
declara que o fai de xeito totalmente voluntario e perfectamente argumentado),
comeza unha batalla contra Muxicas de descrédito, mentiras, calumnias, e todas
cantas triquiñuelas e zancadillas se lle poidan a calquera ocurrir. Eu podo
garantir que dende Muxicas fomos exquisitamente correctos en todo momento. É
máis, como nos retirou a palabra a todos, non tiven oportunidade de voltar a
falar con él.



No libro fálase de sentimento de traizón. Eu, pola miña banda teño a
conciencia totalmente tranquila.



Se o traballo do Sr. Pérez Lorenzo fose mínimamente obxectivo, que non o foi,
teríase posto en contacto con algún membro máis de Muxicas, igual que contactou
con moita outra xente, aparte de Moxenas, buscando información e documentos, que
lle podería ter ofrecido outras perspectivas. Xa non digo que en vida de
Moxenas, vista a clara enemistade que mantiña con Muxicas, fora ofenderlle
falando con nós pero si que, unha vez finado, discretamente, ante a publicación
do traballo, en pro da ética informativa, podía tal vez evitar, na medida do
posible, incluir erros clamorosos que calquera persoa sensata pode advertir que
son producto do resentimento. Pero esta non parecía se-la intención.



A mitomanía é o que ten. Fabrícase o que faga falla, ocúltase o que non
interesa, maquíllase a imaxe. A min paréceme unha indecencia pero, en calquera
caso, é o problema do autor e o dos que, benditos, pagan por un libro que
supoñen escrito con sinceridade, boa fe e rigor.



Por outra banda eu podería ter facilitado moita documentación gráfica e sonora
que posúo. Os trofeos non porque Moxenas se quedou con absolutamente todos, e
aínda que algún compañeiro (non eu) lle foi reclamar, despachouno con caixas
destempladas. Pero por exemplo teño grabacións (como a de "Aire Julia" tan
requerida polo autor). Amén de fotos, folletos, tarxetas e infinidade de
material gráfico e de son que eu, como encargado "tamén" do arquivo de
"Muxicas", fun compilando.



E xa, por último, se para Moxenas, que estivo nove anos no grupo, "Muxicas foi
a súa vida", hai que imaxinarse qué foi para min, Xosé Manuel, que estiven
vintetres anos ininterrumpidos, e con responsabilidades que, supoño, o autor non
sospeitaba.



Un saúdo gaiteiril.



XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ COSTAS

MEMBRO FUNDADOR DE MUXICAS

eis_o_vello@yahoo.es
Menú principal
Mini calendario
Més pasadoSet 2010Més seguinte
Lu Ma Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30
Hoxe