III Edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte (Lugo)
Xoves, 31 Xullo 2014 07:08
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Terceira edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 9 de agosto no Club Fluvial de Begonte (Lugo)
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequenos. A partires das 12:00 comezamos coas actividades deportivas que estarán a cargo na empresa de Begonte Non Estreses, que vai ofrecer paseos en kaiak polo marabilloso entorno do río Ladra, esta actividade prolongarase ata ben entrada a tarde. A sesión vermú estará amenizada polo grupo de música tradicional Os Cans de Palleiro de Lugo. Xa pola tarde, ademais das actividades deportivas, teremos diferentes propostas culturais para @s pequen@s. Ás catro e media, comezará un obradoiro de xogos e baile para nenos e nenas impartido por Branca Villares. Ás seis da tarde, e para rematar o festival de día, un peche de auténtico luxo, Peter Punk e o seu espectáculo O neno imperdible, unha actuación que non vai deixar indiferente a ninguén e que vai gustar a cativos e grandes.
É un bo día para pasar coa familia a carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zoa que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.
Pola noite, abrirán o festival os chairegos Milesios Música Celta, que virán ofrecer a súa viaxe polas músicas atlánticas desde Galicia ata Irlanda. Desde A Coruña e co terceiro premio do Festival Runas de Ortigueira debaixo do brazo, chega Tiruleque, tradición e modernidade para quentar o torreiro. E para rematar, Ruxe-Ruxe coa súa contundencia musical e ideolóxica presentando a seu traballo discográfico Némesis, un broche de ouro para rematar esta terceira edición do 27373.