Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A memoria viva de Henrique Otero

A memoria viva de Henrique Otero

Varios

 

henriqueotero  318x216Admiradores do músico vigués, o primeiro que levou a gaita ao conservatorio, recordan o primeiro aniversario da súa morte coa interpretación das súas mellores composicións
Henrique Otero -máis coñecido como "O gaiteiro de Fragoso"- foi o primeiro que, en 1978, conseguiu que o Ministerio de Educación e Cultura outorgase aos estudos de gaita a consideración de académicos. Xa antes, no 71, este músico vigués, autor de máis de 200 composicións, comezara de forma experimental a impartir clases no Conservatorio Superior de Vigo.

Durante todos estes anos, inculcou o amor e o respecto pola gaita galega a numerosos alumnos, ao tempo que mantivo o seu traballo como compositor e como intérprete no histórico cuarteto vigués Os Cruceiros, que fundou en 1958, e na Banda Municipal de Vigo, da que foi membro durante corenta anos.

Un bo número de todos os alumnos e admiradores que se fraguou durante a súa vida dedícanlle o I Memorial Henrique Otero, co que recordan o primeiro aniversario da súa morte. A cita será o xoves ás 20.00 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo, Nel castro.

O memorial, organizado pola Asociación de gaiteiros galegos e o Conservatorio Superior de Música de Vigo, contará coas actuacións de grupos moi próximos a el e de alumnos e profesores do conservatorio. "A nosa idea é que o valioso legado de Henrique Otero non caia no esquecemento, que se edite, e que este memorial se institucionalice como unha forma de difundir a súa obra", apunta Xaime Estévez, voceiro da Asociación de gaiteiros e un dos primeiros alumnos do homenaxeado.

Xaime foi tamén membro de "Raigames", a primeira banda de gaitas de Vigo integrada por alumnos da propia institución que Otero creou en 1981. Para esta ocasión especial, a formación volverase reunir, 30 anos despois, para interpretar algúns dos temas máis coñecidos do compositor, como "Muiñeira do Lagares" e "Festa na eira".

Tamén participarán no Memorial os membros da súa última formación, a Agrupación Breogán de Moaña. "Vai ser moi emotivo que esteamos alí a súa primeira e a súa última formación", apunta Estévez.

Noitarega, o gaiteiro Juan Pena, Contracocheno, Bea Riobó, Christian Castelo e Alejo Amoedo completan o elenco deste primeiro Memorial.

www.farodevigo.es

Aquí deixamos unha ligazon ao Proxecto Homenaxe a Henrique Otero que fixo Rubén Troitiño e que se emitiu no programa Lume na Palleira da Radio Galega: https://soundcloud.com/proxectohomenaxe/homenaxe-a-henrique-otero-foliada-da-xunqueira-e-rompedouro