
Varios / 03.02.12

Dende o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Lugo, queremos amosar o noso fondo pesar polo pasamento de Xosé Manuel Seivane, quen destacou pola súa contribución á música tradicional galega e a manter os valores da cultura de Galiza. En recoñecemento á súa figura, propuxemos, e así foi aceptado por unanimidade dos grupos, manter un minuto de silenzo previo a celebración do Pleno do Concello de Lugo, que terá lugar o vindeiro luns, 6 de febreiro ás 17h. Así mesmo, esta mención e recoñecemento será recollida na acta da sesión do devandito pleno.
Grupo Municipal BNG
Concello de Lugo
Varios / 03.02.12
O sábado 11 de febreiro, volvemos abrir o "vello baile da estación". Amiguiños e amiguiñas, sabedes que o que máis nos gusta é estar rodeadas dos millores bailadores, das millores gaiteiras, dos millores acordeonistas, das millores pandereteiras, dos millores bombeiros, das millores tamborileiras.... e sobre todo dxs millores festeirxs!!!!
A partires das 21.30 contaremos cun obradoiro de achegamento ao baile solto, para todxs aqueles que se animen a participar, a cargo do Alexandre Sotelino, e un obradoiro de brinquedos a cargo da Ánxela Picón para os máis pequenos. E de seguido comezará a música e o baile por parte de todxs os que se animen a participar e.... até que o corpo aguante!
Varios / 03.02.12
A desidia municipal pecha a maior colección de etnografía galega
A cultura está de loito. Un museo pechou. Un museo dedicado a recordar de onde vimos e quen somos. É igual. Entre uns e outros, entre todos, matámolo.
Olimpio Liste soñou un día que a súa colección de pezas relacionadas coa etnografía galega podía ser visitada na cidade máis grande de Galicia. Chegou a acordos co goberno municipal e coa Xunta, e o museo abriu. E creceu. E foi nomeado Ben de Interese Cultural e ata institución de interese galega. Coma se nada. Nunca foi suficientemente promocionado nin mimado.
Dentro, con todo, con moito cariño, as súas empregadas lograron confeccionar un caloroso e fidedigno percorrido polas diferentes manifestacións creadas, ao longo dos séculos, polos galegos. Cousas moi afastadas da actual cultura dixital, como un moble para gardar o gran ou un exvoto para protexerse de determinada enfermidade. Todo era contado de forma individuais, se facía falta, porque eran visitas guiadas e moi ben explicadas.
Agora, Olimpio Liste está triste. Tamén o seu museo de Oseira pechou. Non vítima da crise. Vítima da incultura que nos goberna. ¿Ou alguén deixa sen atender á súa nai cando esta é anciá e xa non produce?
Prema no título para ver a nova ao completo
La Voz de Galicia